05/05/2026
O título do noso ciclo para este mes de maio, en homenaxe ao filme de Alain Tanner (que, por outra parte, non imos proxectar) é O CINECLUBE, QUE FARÁ OS 50 NO ANO 2051. Isto implica que este ano, e este mes, estaremos celebrando 25 anos.
Neste cuarto de século fixemos bastantes cousas. Principalmente puxemos películas en Santiago, pero tampouco hai que ser reducionistas, porque á parte de películas tamén temos proxectado desde todo tipo de imaxes de internet a spots electorais, e á parte de proxectar na cidade tamén o fixemos en sitios como Salvaterra de Miño, París, Liberec ou Marinaleda. Tamén fixemos varios centos de follas de sala e subtítulos, un podcast, vídeos, libros... e pasaron polas nosas sesións unha chea de artistas, cineastas e asociacións.
Para celebralo, pensamos un mes con algunhas ideas arredor deste aniversario. Aí van:
🎂 Mañá mércores proxectaremos XUBILEU, de Derek Jarman, porque a tentación de poñer unha película cuxo título xira arredor de cumprir 25 anos era demasiado grande.
✨ Como temos gana de que participedes destas celebracións, preparamos unha VISITA GUIADA A THE ROOM, na que poderedes interactuar coa mítica película de Tommy Wiseau, habitual das listas de peores filmes da historia.
🧨 Continuamos a interactividade cunha sesión sorpresa titulada BINGO! Levaremos un bombo con 25 bólas para escoller ao azar a proxección entre 25 sesións, unha por cada ano de vida do Cineclube.
🎤 Se lembrades, hai case un ano Beta Aguilar proclamouse gañadore do III Karaoke Cinéfilo do Cineclube, e o seu premio é programar esta sesión, que levará por título CUCUCHA CINEMA.
🎉 O mes pechará coa nosa tradicional festa de aniversario, na que actuarán Emilio José, Columna Vegana e Ministra, ademais dunha proxección de curtas de animación e o IV Karaoke Cinéfilo.
Compartide e a celebrar connosco!
Cartaz da nosa socia Edí Oca
Grazas aos nosos socios protectores:
Unitaria | NUMAX | Café Bar El Muelle | Café Bar O Trece | A Medusa Pub | jatafarta | Histeria Teatro | Libraría Couceiro | Libraría de Mulleres Lila de Lilith | Flamingocompostela