29/12/2021
Dende a Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Compostela manifestamos o noso rexeitamento ás medidas restritivas que a Xunta de Galicia impón ao noso sector.
Unha vez máis vémonos na obriga de denunciar a discriminación e criminalización que dende as administracións públicas se ven facendo da hostalaría en xeral e con especial asañamento contra o chamado ocio nocturno.
Unha vez máis temos que denunciar a falta de rigor dun Presidente da Xunta que minte nos medios de comunicación cando di que non había ata o momento restricións en Galicia. O sector da hostalaría leva sendo intervido e con restricións dende marzo de 2019. En ningún momento se nos permitiu traballar, nin aos café-bares, nin aos pubs nin ás discotecas, na totalidade dos horario que autorizan as nosas licenzas. Estas limitacións foron ademais acompañadas en todo este período de outras limitacións e exixencias como: instalación de medidores de CO2, limitacións de aforo, prohibición do uso das barras, distancia entre mesas e clientes, prohibición do consumo de pé, prohibición do uso de pistas de baile, exixencia do certificado de vacinación.... e tantas outras que dende a Xunta se foron improvisando.
Denunciamos a improvisación á hora de xestionar a situación sanitaria e económica: tanto é así que adoptar medidas o día 28 de decembro que afectan directamente á noite de fin de ano, unha noite que en moitos casos supón ata o 30 por cento da facturación anual dos nosos negocios resulta máis unha inocentada que unha actuación seria dun goberno responsable.
Denunciamos tamén a situación de inseguridade xurídica na que vivimos, o propio presidente da Xunta declaraba fai poucas semanas que as medidas non se tomarían xa en función do numero de contaxios senón por datos de ocupación hospitalaria. De novo mentiu como demostran os datos actuais de hospitalización e ocupacións das UCI.
Denunciamos tamén o falso buenismo de dar a escoller entre abrir até as 3 ou pechar e cobrar "axudas", xa que abrir ate as 3 nunha noite onde a tradición é tomar as uvas en familia e saír despois suporía traballar, no mellor dos casos 2 horas, fai que sexa unha opción a todo punto inviable. E por outra parte deixa desvalidos a todos os establecementos con licenza de bar ou café-bar que por autorización da súa licenza terían dereito a abrir até as 03:00 h e non poderán nin abrir nin recibirán axudas, xa que a Xunta os deixa automaticamente excluídos da convocatoria.
Esiximos indemnizacións polos prexuízos causados ás nosas empresas e a recuperación total dos usos e horarios que nos permiten as nosas licenzas.
Ramón Castro
elcorreogallego.es
La Voz de Galicia