08/01/2026
🟡🟢O principal reto que temos para o 2026, non só en Oleiros senón no conxunto da comarca da Coruña, é a mellora da mobilidade. A Xunta ten que resolver as graves deficiencias existentes no servizo de transporte público, con máis liñas e frecuencias. Ademais, necesitamos a construción de infraestruturas viarias supramunicipais que levan anos pendentes: vía Ártabra, ampliación da ponte Pasaxe, Artabriña…
🟡🟢Urxe tamén que a Xunta acometa a ampliación das conducións xerais de auga e a construción dun novo depósito en San Pedro de Nós, para evitar problemas de desabastecemento nos distintos municipios. Tamén agardamos que por parte do Consorcio das Mariñas se mellore a recollida e tratamento de lixo na comarca mediante un novo contrato.
🟡🟢Desde Oleiros seguiremos a demandar á Xunta a construción da rotonda de Montrove, as beirarrúas nas estradas autonómicas, un centro de saúde digno na Casa do Mar de Mera ou o saneamento para o porto de Lorbé.
🟡🟢O Concello de Oleiros seguirá progresando con importantes actuacións programadas ou xa en marcha que serán unha realidade ao longo do presente ano: a conexión dos paseos da ría de Oleiros e Cambre, a construción de 146 vivendas protexidas e a venda de solo para outras 34 máis, o multiusos de Bastiagueiro, a reurbanización completa das rúas do centro de Perillo, a senda costeira entre Naval e Canide, as gradas do campo de fútbol de Montrove, a renovación das redes de auga máis antigas, a restauración da pasarela do Castelo de Santa Cruz, as beirarrúas en Bartolomé de las Casas. Así mesmo continuaremos coa política social, cultural, educativa e deportiva que promovemos desde hai décadas para fomentar a convivencia, a formación, a saúde, a liberdade, o pensamento crítico… tan importantes ante un momento histórico como o que nos toca vivir.